Thursday 02 de May de 2024

Fabiola García anuncia a creación dunha oficina itinerante de información para persoas da Guerra de Ucraína


— Esta unidade móbil comezará a funcionar a vindeira semana e achegará información á poboación ucraína sobre que servizos están á súa disposición e sobre como regular a súa situación na nosa Comunidade

— Lembrou que o Goberno galego está a actuar desde distintos ámbitos para a integración das persoas refuxiadas

— No ámbito sanitario, estase a tramitar a documentación sanitaria, ofrecendo camas de atención e dispensando vacinas; mentres que no ámbito educativo, estase a escolarizar a todos os menores

— Tamén se ofrecen cursos de formación en competencias lingüísticas para favorecer o seu acceso ao emprego e ofértanse 1400 prazas de acollida en distintos establecementos por parte do Goberno galego, as entidades sociais e os Concellos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou a creación dunha oficina itinerante de información para persoas refuxiadas da guerra en Ucraína. Esta mañá visitou o almacén da Asociación Galega de Axuda (AGA-Ucraína) no polígono de Pocomaco, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Esta entidade foi creada por persoas de orixe ucraíno para dar resposta á solidariedade da sociedade galega ante esta situación.

A conselleira sinalou que, aínda que o fluxo de refuxiados se desacelerou nas últimas semanas, é o momento de facilitar o acceso a persoas que chegaron á nosa Comunidade a servizos que atendan ás súas necesidades. Neste sentido, adiantou que a vindeira semana porase en marcha unha unidade móbil que leve información por toda Galicia á poboación ucraína sobre todas as prestacións que teñen á súa disposición e de que maneira poden regular a súa situación na nosa Comunidade.

Fabiola García lembrou que a Xunta está a actuar desde distintos ámbitos na integración da poboación ucraína. Faino desde o ámbito sanitario, tramitando a documentación sanitaria, ofrecendo camas de atención e dispensando vacinas; tamén desde o ámbito educativo, escolarizando aos menores ucraínos que chegan á nosa Comunidade; ou no ámbito laboral ofrecendo cursos de adquisición de competencias lingüísticas.

Máis de 1400 prazas de acollida
Así mesmo, lembrou que o Goberno galego, as entidades sociais e os Concellos puxeron a disposición do Goberno central máis de 1400 prazas de acollida para acoller a persoas refuxiadas en distintas instalacións. A conselleira apuntou que a guerra en Ucraína volveu evidenciar o espírito solidario da sociedade galega que, desde o primeiro día, ofreceu toda a axuda que estaba ao seu alcance para dar resposta ao que está a acontecer.